INNOVACIÓN E INDUSTRIA 4.0

Coa posta en marcha deste programa de traballo, promóvese a diversidade e competitividade do Clúster mediante a especialización e a mellora tecnolóxica e organizativa das pemes que o integran, contribuíndo a fortalecer todos os elos da cadea de valor. Aínda que nos últimos anos as empresas do sector xa veñen realizando investimentos nas distintas áreas da Industria 4.0, trátase de procesos de mellora continua e, polo tanto, aínda queda moito por percorrer.

Por outra banda, desenvolveranse actuacións que sigan poñendo en valor o uso da madeira na construción, e colaboracións entre prescriptores e industria para favorecer o uso correcto da madeira no proceso construtivo. Estas actuacións tratan de garantir o correcto deseño construtivo, recollida, instalación e mantemento dos elementos de madeira.

Entre os obxectivos particulares que se perseguen atópanse mellorar a competitividade da industria galega mediante a redución dos custos dos procesos mediante o desenvolvemento e adquisición de ferramentas altamente produtivas. Reducir a repercusión da amortización da maquinaria mediante sistemas de organización flexibles que favorezan a alta ocupación dos recursos produtivos. Incrementar a calidade da produción e o control dos procesos mediante a implantación de automatizacións e sensores e, finalmente, promover o desenvolvemento de produtos de maior valor engadido.

Para iso, o Clúster coordina a xestión de proxectos de innovación e investimento no ámbito da industria 4.0 e da excelencia operativa, xunto con outros axentes especializados. Así, como socio promotor do Digital Innovation Hub (Datalife), actuando como panca para impulsar a transformación dixital dos procesos produtivos e comerciais das nosas empresas asociadas.

Por outra banda, contribuímos a difundir e promover unha cultura de mellora continua mediante a difusión de información e sensibilización entre as empresas asociadas. A colaboración entre diferentes empresas potencia os procesos de I+D+i, mellora o coñecemento global do sector e permite que as empresas do Clúster se posicionen como grandes impulsores da innovación no sector forestal-madeira.

Modify cookies